Galicia contará cun Arquivo Dixital único para todas as administracións públicas grazas ao Proxecto ARPAD
luns, 4 de novembro do 2013
Na
mañá deste 4 de novembro tiña lugar a reunión de lanzamento do
Proxecto
ARPAD,
un Arquivo Dixital para Galicia, que contribuirá á conservación e
difusión do patrimonio documental conxunto, á habilitación de
servizos dixitais e á eliminación do papel nas relacións
administrativas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ao
encontro asistían o vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda e a directora da Axencia
para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, líder da iniciativa. Cómpre dicir que no Proxecto ARPAD participan sete socios, amais de AMTEGA.
Así,
interveñen a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; a Dirección Xeral
de Administración Local da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza; o Centro
Informático para a Xestión Tributaria a Xestión Tributaria
Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Facenda;
a Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima (CIM Alto Miño), que
integra dez concellos do norte de Portugal; o Concello de Tui e a
Deputación de Pontevedra.
É
preciso sinalar que esta idea se atopa inserida no Programa Operativo
de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e está
dotada con 4,7 millóns de euros, cofinanciados nun 75% por fondos
FEDER.
E
que achegará este Arquivo Dixital? Pois permitirá eliminar paseniño
o papel na Administración e xestionar e conservar con todas as
garantías de seguridade e dispoñibilidade a documentación dixital
durante todo o ciclo de vida administrativa. É chave para garantir a
interconexión dos servizos coas entidades locais e coas iniciativas
previstas coa Eurorrexión no marco deste proxecto. Co ARPAD
reforzarase o Centro de Proceso de Datos do Gaiás como nó central
de custodia de toda a información do Arquivo Dixital Integrado,
desde onde se facilitarán máis de 200 procedementos
administrativos, amais de emprestarlles servizos de aloxamento
documental ás entidades locais galegas. Sobre este arquivo
organizarase unha rede de rexistros interconectados, que permitirán
a cidadáns e empresas de ambos lados da fronteira entregar
documentación en calquera rexistro. O obxectivo é habilitar
servizos públicos online (como a e-factura ou a plataforma
electrónica tributaria) para empresas que teñan actividade
comercial coas administracións de ambos lados da fronteira, e pór
en marcha un proxecto piloto de Rexistro Administrativo na Eurocidade
de Tui-Valença para poder estender este modelo a outros municipios
fronteirizos.
Engadir
que outro dos eixos de actuación do ARPAD é a creación dun Arquivo
Histórico Documental, inserido no Arquivo Dixital Integrado, o cal
dará acubillo aos fondos dixitalizados do patrimonio documental.
Será compatible con proxectos europeos como EURPEANA (punto común
de acceso aos fondos das bibliotecas, arquivos e museos de toda
Europa).