Galicia celebrará en xuño un dos torneos da World Robot Olympiad

venres, 10 de maio do 2019 Redacción

O 15 de xuño a Cidade da Cultura acollerá a World Robot Olympiad - Galicia 2019, na que poderán participar máis de 50 equipos e máis de 100 estudantes galegos repartidos en diferentes categorías, que abranguen dos 6 aos 19 anos. O competición engloba diversos retos a resolver por equipos e que se celebran de xeito independente, neste caso Regular e Football nos que poderán achegarse dun xeito lúdico e divertido á tecnoloxía e á enxeñería. Os retos da edición WRO 2019 a nivel mundial están inspirados na temática Smart Cities. Até o 30 de maio será posible inscribirse vía web a calquera das categorías da WRO.
Esta actividade está enmarcada nas iniciativas do Plan DigiTalent para o fomento das vocacións TIC e a especialización dos perfís dixitais, colaborando na súa organización a AMTEGA e a empresa Arkitas Robótica S.L. (en calidade de aliado dixital da Xunta).
A participación na competición que se celebra en Galicia será clasificatoria para a fase nacional e a final internacional. A fase nacional, organizada pola Fundación educaBOT, celebrarase en setembro en Platja d’Aro (Girona). Posteriormente, a final internacional terá lugar en novembro deste ano en Hungría. Na edición anterior, tres alumnos do colexio Compañía de María da Coruña xunto cun profesor participaron co seu robot na fase internacional, celebrada en Tailandia.

World Robot Olympiad

A World Robot Olympiad (WRO) é unha competición de robótica educativa de ámbito internacional, que ofrece aos nenos e nenas unha oportunidade de achegarse dunha maneira lúdica e divertida á tecnoloxía e á enxeñería.
Os estudantes, coa orientación dun adestrador, deben construír un robot innovador que supere un reto. Así, aprenden e demostran a súa capacidade de resolución de problemas, ao mesmo tempo que desenvolven competencias persoais.
Na WRO englóbanse diversos retos que se celebran de forma independente. Na categoría Regular, os equipos deben construír robots que consigan a máxima puntuación ao resolver probas presentadas sobre un taboleiro.
Como novidade, nesta quinta edición, cabe destacar o Reto Lego Wedo. O novo reto consiste en construír un robot que poida recoller aos nenos nas súas casas e transportalos á escola. Ademais, o robot tamén debe poder entregar froita á escola.
Na categoría Football, os equipos de dous robots autónomos enfróntanse co obxectivo de marcar máis goles que o equipo rival.

PUBLICIDADE