Galicia adhírese á aplicación estatal de rastrexo Radar COVID

martes, 18 de agosto do 2020 S. P.

Galicia vaise sumar á aplicación estatal de rastrexo Radar COVID. Así llo comunicou ao Ministerio de Sanidade, este martes 18 de agosto o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, engadindo que a dita ferramenta móbil engadirase ao sistema Pass COVID da Xunta, que nestes intres está en fase de probas ao abeiro da súa fase piloto. O obxectivo, dixo, é que ambos recursos sexan complementarios e gocen de interoperabilidade.
Por medio dunha carta, o titular do departamento sanitario da Xunta Galicia, trasladou ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, que a Comunidade galega sumarase ao novo sistema de rastrexo e control a COVID-19, que vén desenvolvendo nos últimos meses o goberno de España. Almuíña sinalou que “a actual crise sanitaria fai preciso atopar novas vías de control e seguimento para combater a expansión do virus, e así acadar unha xestión máis optimizada da súa evolución”.
Neste senso, Almuíña remarca que “Radar COVID é unha ferramenta de participación cidadá que, grazas a súa axilidade e eficacia, contribuirá a mellorar a detección precoz de novos casos e, así mesmo, adoptar tamén medidas axeitadas con maior celeridade e precisión, respecto da situación epidemiolóxica”.

Máis detalles de Radar COVID

Radar COVID posibilita identificar contactos detectados de xeito automático pola propia ferramenta a través de Bluetooth. Este servizo está dispoñíbel este verán superada xa a fase de probas en xullo, na illa da Gomera e sobre unha base de poboación reducida e controlada: 3.000 persoas usuarias. Durante este período, a aplicación foi quen de rexistrar 6,4 contactos estreitos por positivo ficticio confirmado, unha cifra que duplica as cifras achegadas mediante rastrexo manual.
A aplicación Radar COVID, segundo informaron fontes estatais este mes de agosto, está a poñer o foco, nesta primeira etapa do seu lanzamento, nas zonas máis afectadas polos gromos de coronavirus.
Como dixemos, tira proveito da conexión Bluetooth dos nosos teléfonos móbiles e dunha funcionalidade que garda, en cada trebello, o identificador anónimo emitido polos móbiles da contorna que se aproximen e se manteñan preto durante máis de un cuarto de hora. Deste xeito, cando unha persoa é diagnosticada co coronavirus ten na súa man activar este dato na ferramenta e manter ao seu arredor un cordón de seguridade.

PUBLICIDADE