Galicia acollerá en outubro a segunda edición do New Space España

mércores, 20 de xullo do 2022 S. P.

Galicia converterase os días 27 e 28 de outubro de 2022 nunha referencial zona de confluencia para as principais institucións, empresas e startups do sector aeroespacial en España. O motivo será a celebración do evento New Space España, que chega a súa segunda edición. Celebrarase na sede de Afundación de Vigo, co obxectivo de analizar as capacidades, desafíos e proxectos da industria dos novos vehículos aéreos e intelixentes do ámbito estastal.
Baixo o lema O camiño cara o liderado global, New Space España 2022 porá o foco en acontecementos recentes de gran relevancia, como a irrupción dos pequenos satélites e a redución de costes e prazos de tempo.
Entre as principais protagonistas da cita atópae Alén Space, empresa galega especializada no deseño, fabricación e operación de pequenos satélites, que xogará un papel fundamental na edición deste ano como organizadora do New Space España.
Amais, o evento contará co patrocinio de grandes compañías do sector, como as multinacionais Indra e GMV, e tamén empresas españolas do ámbito New Space como Satlantis, PLD Space, DHV Technology e Alter Technology. Po outra banda, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo (AtlantTIC) emprestará o seu apoio á cita xunto con outras institucións públicas como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, apostando pola innovación e o talento da nosa terra.
Durante as dúas xornadas do congreso, máis de 30 expertos e expertas participarán nunha serie de conferencias e mesas redondas nas que se analizarán os grandes proxectos de misións espaciais ligadas á marca España, as tendencias de maior relevancia do sector e as posibilidades de colaboración público-privadas que permitan atraer investimentos a un mercado estratéxico, un mercado que segundo lembran dende as entidades organizadoras do evento, “pode converter a España nun dos principais países receptores de financiamento en Europa”.
New Space España 2022 contará con representación de toda a cadea de valor da industria espacial española, desde fabricantes de satélites a provedores, lanzadores, investidores, organismos ata axencias públicas, entre outros.
En datas vindeiras, a través da web oficial da cita, poderanse adquirir as entradas para asistir á cita e coñecer tódolos detalles da mesma. New Space 2022 aspira a mellorar as cifras da edición anterior, que contou con máis de 25 relatores, 170 persoas inscritas e 80 empresas asistentes.

PUBLICIDADE