Galicia acollerá a rodaxe da segunda tempada de Los enviados, logo do éxito da primeira en Paramount+

mércores, 5 de outubro do 2022 S. P.

A segunda tempada da serie Los enviados, dirixida polo prestixioso director arxentino Juan José Campanela, estase a rodar integramente en terras galegas. A produción foi un dos grandes éxitos recentes da plataforma Paramount+ en Estados Unidos. Agora, trasládase a Europa despois dunha primeira entrega ambientada e gravada en México. A segunda tempada foi presentada este mércores 5 de outubro na Guarda.
Participaron no acto o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, o guionista e director Juan José Campanella; José Fidji Viggiano, VP de Produción de VIS Américas, o estudo internacional de Paramount+; e Alfonso Blanco, CEO de Portocabo e produtor executivo da serie. Esta rodarase en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra, ademais de en Santiago, grazas á implicación no proxecto da produtora galega Portocabo co apoio do Hub Audiovisual da Xunta.
En concreto, como detallou o conselleiro, esta produción recibe unha subvención de 300.000 euros como adxudicataria da liña específica para a atracción de rodaxes a través da que o Hub galego leva contribuído a que Galicia fose desde o ano pasado o escenario de oito series e filmes: ademais de Los enviados, atópanse nesta listaxe a primeira e a segunda temporada de Rapa e a serie infantil Los Argonautas, tamén de Portocabo; a segunda entrega de Operación Marea Negra, de Ficción Producciones; Hasta el cielo, de Vaca TV, e as longametraxes 13 exorcismos, de Bambú Producciones, e Amigos hasta la muerte, de Undodez y Medio Limón.
Repetir o éxito
O obxectivo é recuncar o éxito da primeira tempada de Los enviados nunha plataforma de gran alcance como é Paramount +, con máis de 40 millóns de subscritores en todo o mundo. De feito, a primeira entrega converteuse na serie en español máis vista en Estados Unidos a través desta canle. “Esta oportunidade permitirá que millóns de espectadores ao redor do mundo poidan gozar do gran traballo do audiovisual galego, ademais de lles achegar a cultura, a paisaxe e o patrimonio de Galicia a través das pantallas”, dixo o conselleiro.
A nova temporada desta ficción, que volve contar cos actores Miguel Ángel Silvestre e Luis Gerardo Méndez nos papeis protagonistas dos cregos Simón Antequera e Pedro Salinas, rodarase ata finais de decembro nos concellos de Forcarei, Nigrán, A Guarda, Tui, Oia, Pontevedra e Santiago de Compostela. Ao elenco súmanse desta volta coñecidos intérpretes galegos como Francis Lorenzo, Pepo Suevos, Ricardo de Barreiro, Isabel Naveira, Miquel Ínsua, Guillermo Carbajo ou Luis Iglesia.
Nos novos episodios de Los enviados, os seus protagonistas trasládanse a Galicia para determinar a veracidade dun milagre nun convento onde viven tres monxas cegas. Pero, ao pouco de chegar, atópanse envoltos nunha dobre investigación: unha de carácter místico e outra moito máis terreal, relacionada cun asasinato na vila.

PUBLICIDADE