Galicia Innovation propón dúas xornadas de relatorios e mesas redondas con representantes do Silicon Wadi

xoves, 10 de abril do 2014 Redacción

Unha vista do Silicon Wuadi en Israel achegada dende a Wikipedia

Galicia Innovation, encontro tecnolóxico internacional promovido pola Fundación Ronsel e que conta con GlobalNovaTrade e a aceleradora galega Zarpamos en tarefas de organización, celébrase os días 29 e 30 de maio na Coruña co apoio de plataformas profesionais como o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Como dixemos os días pasados, nesta súa primeira entrega (pois a idea é repetir experiencias en datas vindeiras) os convidados serán os partners que a iniciativa Zarpamos ten en Israel. Estes expertos de Oriente Próximo participarán ombro con ombro cos seus homólogos galegos en relatorios e mesas de debate arredor de cuestións que irán do xeral ao concreto, pero sempre cos seguintes fíos temáticos: innovación, internacionalización, financiamento, aceleración e transferencia de coñecemento de Israel a Galicia (e viceversa). As actividades comezarán o 29 de maio pola tarde coa apertura oficial do encontro a cargo de Alon Bar, da embaixada de Israel en España.
Ademais, concorrerán na xuntanza Noga Kap, especialista en investimentos de capital de risco e mentora en StartHub, Shira Abel, experto en mercadotecnia internacional para start-ups, Noam Wekser, especialista en innovación e desenvolvemento de equipos, Gil Shay, emprendedor en serie e mentor en StartHub, Eyal Benjamin, director de StartHub, Gil Canaani, experto en capital risco e capital privado, e Omer Pomerantz, especialista en Ideación, Java Mobile e solucións de Oracle.
Pola nosa terra, intervirán Frankie Gómez, fundador e principal responsábel de Confirmsign, Fernando Vázquez, director e propietario de Imatia, Manuel González Penedo, director do Grupo de Investigación en Visión Artificial e Recoñecemento de patróns UDC, Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación na Xunta, Miguel Díez Ferreira, fundador e director de Rede Karaoke e Ramón Saltor, principal responsábel de The Crowd Angel.
Como dixemos, o obxectivo de Galicia Innovation é o de fomentar o intercambio de experiencias entre emprendedores de diferentes países a través de obradoiros, relatorios e xornadas de networking, etc. Asemade, segundo nos fixo saber nunha entrevista recente Manuel García, impulsor de Zarpamos, do que se trata é de mobilizar a todo tipo de axentes galegos para que compartan este espírito de intercambio de experiencias e de colaboración alén das fronteiras. “A Galicia Innovation”, contounos daquela García, “están convidados todos os grupos de investigación das universidades galegas, oficinas de transferencia e entidades públicas e privadas”.
O programa de actividades inclúe tamén unha cea para facer networking cos expertos procedentes de Israel e para rematar, o día 30 haberá un DemoDay para presentarlles (a eles e aos axentes galegos e españois convocados) os proxectos de Zarpamos, máis outros que se seleccionarán previamente e independentes da aceleradora.
Programa de actividades
Día 29 de maio
16.00 a 16.15 Acto de apertura. Presentación do evento. Intervén Alon Bar (embaixada de Israel en España)
16.15a 16.35 Presentación do modelo de traballo de StartHub. A interacción coa Universidade. Intervén Eyal Benjamin (StartHub).
16.35 a 17.30 Mesa redonda: Internacionalización e adaptación á contorna empresarial internacional. Interveñen Shira Abel (StartHub), Gil Shay (StartHub), Miguel A. Díez Ferreira (Red Karaoke), Ami (Aldo) Levin (Embaixada de Israel na España). Modera Nachy López, de GlobalNaveTrade. Ao abeiro desta mesa redonda, trataranse diferentes temas relativos á internacionalización de proxectos. Os 5 minutos finais da mesa reservaranse para que os asistentes podan realizar preguntas aos relatores.
17.30 a 18.25 Mesa redonda: A innovación como factor clave do emprendemento. Interveñen Noam Wekser (StartHub), Omer Pomerantz (StartHub), Fernando Vázquez (Imatia), Manuel González Penedo (UDC). A mesa redonda xirará arredor da innovación de como esta constitúe un dos piares do éxito no mercado. Os cinco minutos finais da mesa reservaranse para que os asistentes podan realizar preguntas.
18.25 a 18.55 Pausa para o café
18.55 a 19.50 Mesa redonda: Investimento e captación de capital, o reto dos emprendedores. Interveñen Noga Kap (StartHub), Gil Canaani (StartHub), Manuel Varela Rey (Xunta de Galicia), Ramon Saltor (The Crowd Angel). Os relatores debaterán nesta mesa redonda arredor de diferentes modelos para o investimento internacional, facendo fincapé na análise dos intereses dos investidores cando procuran proxectos fóra do seu país. Os cinco minutos finais da mesa reservaranse para que os asistentes podan realizar preguntas.
19.50 a 20.30 Mesa redonda: Experiencias emprendedoras. Interveñen Eyal Benjamin (StartHub), Gil Shay (StartHub), Frankie Gómez (Confirmsign). Modera Rubén Bastón, de Elogia. Nesta sesión, os participantes analizarán experiencias emprendedoras relevantes e darán os últimos consellos aos emprendedores. Como en anteriores ocasións, reservaranse os 5 minutos finais para que os asistentes podan realizar preguntas.
21.00 Cea privada con investidores, mentores e convidados.
Día 30 de maio
10.00 a 11.00 Presentación de estilo de traballo de Zarpamos e sinatura de convenio con StartHub
11.00 a 15.00 Presentación de proxectos seleccionados aos mentores de StartHub e investidores privados.
A importancia de Israel
A presenza de profesionais de Israel na nosa terra, da man de Galicia Innovation, será unha gran oportunidade para as nosas empresas TIC, tanto polas experiencias que se porán en xogo dende ámbolos grupos de participantes no foro, como polas posibilidades de investimento e financiamento que se achegan. Cómpre lembrar que Tel Aviv, a capital do país, xa hai máis de unha década que se coñece no mundo como Silicon Wadi, que tamén quere dicir “val”, e chámaselle así porque está considerado o segundo centro de operacións TIC máis importante do mundo despois do xa mítico enclave da costa oeste dos Estados Unidos (Silicon Valley). Ademais, ocupa o segundo posto, a nivel internacional, en cantidade de iniciativas empresariais tecnolóxico-dixitais per cápita, máis de tres mil, só por detrás de Estados Unidos.
Esta importancia das TIC na economía do país non é nova. De feito, comezou a fraguarse nas décadas dos sesenta e dos setenta, ao converterse xa daquela nun importante acubillo de empresas de tecnoloxía (en boa medida debido aos esforzos de investimento das administracións). O pulo económico israelí aínda ten máis mérito se temos en conta que se trata dun Estado sen case recursos naturais de seu, polo que dende o primeiro intre viuse obrigado a envorcar boa parte da súa actividade económica no coñecemento e na innovación, piares produtivos que se reforzaron cunha longa tradición de busca de apoios internacionais, proceso do que forma parte a súa participación presente en Galicia Innovation.
A día de hoxe, Israel está a asentarse tamén nun importante nicho de actividade TIC: o nicho da ciberseguridade. De feito, recentemente púxose en marcha un departamento gobernamental específico para abordar a cuestión e máis un parte industrial, no sur do país (a cidade de Beer Sheva), orientado de xeito exclusivo a empresas desenvolvedoras de programas e servizos para a protección dos datos e das comunicacións a nivel xeral. A día de hoxe, están en activo máis 200 start-ups israelís ao acubillo deste sector.

PUBLICIDADE