Galaxy View, a pantalla Full HD de 18,4 polgadas de Samsung que funciona con Android

venres, 30 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A filtración de que Samsung preparaba unha tableta con pantalla de 18,4 polgadas confirmouse totalmente esta semana, cando a compañía surcoreana debullou as características da súa nova Samsung Galaxy View, que aínda que inicialmente parecía que ía promocionarse como a tableta con Android máis grande do mercado, finalmente parece que dende Samsung son conscientes de que tan tamaño resulta moi incómodo para usos interactivos, e definen a este trebello como unha pantalla Full HD con Android, de xeito que podemos velo como un reprodutor de vídeo portátil que permite levar os contidos audiovisuais a diferentes currunchos no fogar e incluso en mobilidade, dada a súa portabilidade.
O feito de que esta pantalla funcione con Android 5.1 permitiría que gozase de acceso ás numerosas plataformas de vídeo en liñas que cada vez gozan de maior aceptación entre o público, e o seu deseño está pensado para que a Galaxy View poida colocarse en dúas posicións sobre a mesa segundo a disposición da súa peaña, de xeito que podería colocarse cunha pequena inclinación para facilitar o seu uso no escritorio, como case vertical para favorecer o seu uso coma se fose un televisor. O deseño tamén conta cun espazo na parte traseira da pantalla a xeito de asa para facilitar o seu transporte.
A Galaxy View funciona cun procesador Exynos 7580 de oito núcleos a 1,6 GHz, 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante microSD), cámara frontal de 2,1 Mpíxeles (pensando no uso para videoconferencia), Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1, e batería de 5.700 mAh que achega unha autonomía de até 8 horas. Este dispositivo cunhas dimensións de 451,8 x 275,8 x 11,9 milímetros e 2,65 quilogramos de peso, venderase en cor branca ou negra a un prezo de 599,99 dólares nos EE.UU. (o prezo en España aínda non se anunciou) na súa versión con Wi-Fi, comercializándose tamén unha versión que pode equiparse cunha tarxeta nanoSIM para gozar de conexión LTE.

Comparación de tamaño entre a Galaxy View outros dispositivos con Android

PUBLICIDADE