GZNación renova a súa páxina web

martes, 24 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Marcos S. Pérez dirixe GZNación dende o mes de xullo

Coa chegada do verán a publicación GZNación acolleu a un novo director, o doutor en Xornalismo Marcos S. Pérez, coñecido polas súas colaboracións noutros medios dixitais e, especialmente, polo seu blog Zerovacas. Este cambio de dirección foi só o adianto dos moitos cambios que agardan a esta web que quere mellorar a súa usabilidade, así como a variedade e orixinalidade dos seus contidos, o que vén de concretarse coa estrea dunha nova interface, un novo deseño da súa web realizado por Abertal, convertendo a GZNación nun medio máis vivo, máis participativo e máis próximo ós cidadáns galegos.
A publicación ábrese así a que os lectores poidan enviar a súas novas, denuncias, fotografías e convocatorias por correo electrónico, e tamén inaugura o espazo aberto GZDebate, no que cada semana se debaterán temas de interese.
Nas vindeiras semanas iranse incorporando a GZNación novos colaboradores e blogueiros que contribuirán a enriquecer os seus contidos dando maior variedade temática dende distintas perspectivas grazas á pluralidade que busca este medio que tamén persegue servir de reflexo da actualidade das comarcas e concellos do rural galego, destacando que a comunidade galega está composta por moito máis que 7 grandes cidades.

PUBLICIDADE