GTA VI volve adiar o seu lanzamento

xoves, 6 de novembro do 2025 Marcus Fernández

O pasado mes de maio Rockstar Games sorprendía publicando o segundo tráiler do agardado Grand Theft Auto VI só uns días despois de anunciar que o xogo non sairía en 2025, senón que adiaría o seu lanzamento ata o 26 de maio de 2026. A historia volve repetirse, e agora aseguran que Grand Theft Auto VI verá a luz o 19 de novembro de 2026, deixando claro que aínda precisan bastante tempo para pulir o título.
Non é de sorprender que Rockstar Games queira controlar ao máximo a estrea deste xogo, xa que probablemente falemos da secuela do produto de lecer máis importante de todos os tempos. Lembremos que GTA V lanzouse orixinalmente en 2013 con versións para Xbox 360 e PlayStation 3, chegando despois a PC, Xbox One, PlayStation 4, Xbox Series X|S e PlayStation 5, ou sexa, que superou os 220 millóns de copias vendidas ao longo de tres xeracións de consolas de videoxogos, xerando uns ingresos de preto de 10.000 millóns de dólares (moi por diante de calquera filme, incluso axustando os datos coa inflación), de aí que teñan que ser moi cautelosos co lanzamento de GTA VI.
Aínda que os afeccionados aos videoxogos reciben de xeito positivo que se adíe un lanzamento dun xogo prometedor antes de que o título chegue completamente estragado ao mercado (como aconteceu con Cyberpunk 2077), a industria non reacciona ben aos cambios de calendario, pois o resto de xogos tamén teñen que axustar a súa fiestra de lanzamento para non coincidir coa saída de GTA VI (que sería algo que os eclipsaría por completo).
Tampouco podemos esquecer a posibilidade de que ao longo de 2026 se anuncien novos retrasos e finalmente GTA VI non vexa a luz ata 2027, pois a Rockstar Games non lles preocupa o feito de deixar pasar a campaña de Nadal, xa que están seguros de que conseguiran un lanzamento de grande éxito en calquera momento do ano.