GTA V supera os 150 millóns de copias vendidas

martes, 3 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A presentación de resultados de Take-Two Interactive desvela interesante información sobre as vendas de xogos desta compañía que mantén unha forte posición no mercado e non deixa de medrar en número de traballadores. No balance aseguran que actualmente hai 2.800 millóns de xogadores a nivel mundial, polo que os videoxogos son o sector de lecer máis importante en volume, resultando tamén de grande importancia o feito de que a idade media dos xogadores estea entre os 35 e os 44 anos, ou sexa, que habería que desbotar o mito de que os videoxogos son cousas de nenos, de aí que sexan tan importantes a nivel de facturación.
No caso de Rockstar Games, marca con 10 estudios internos, temos que a súa franquía, Grand Theft Auto, tería superado os 350 millóns de unidades vendidas, dos que máis de 150 millóns de unidades corresponderían a Grand Theft Auto V, título que pese a ter bastantes anos conserva unha boa saúde, con boas vendas e cun grande pulo en Grand Theft Auto Online, que vai comercializarse de xeito separado a partir do 11 de novembro.
A outra franquía con boas vendas de Rockstar sería Red Dead Redemption, con máis de 60 millóns de unidades vendidades, das que máis de 38 millóns corresponderían a Red Dead Redemption 2 (que inclúe Red Dead Online, xogo en liña que dende o pasado mes de decembro pode adquirirse por separado).
Tamén destacan que contan cun catálogo de creacións moi atractivo, con grandes xogos como L.A. Noire, Midnight Club e Max Payne, co que poderían estar dando a entender que nos vindeiros anos veremos novas entregas destas sagas.
Aínda que falten varios anos para a chegada de Grand Theft Auto VI, a saúde de Take-Two é moi boa, o que dá confianza en que a súa futura creación vaia ser unha produción moi ambiciosa que poida estar á altura das súas entregas anteriores.

JPEG - 103 KB
Nos vindeiros anos poderiamos ver o retorno de franquías como Max Payne

PUBLICIDADE