GTA V podería ter versión para PC

martes, 13 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Aínda que non se esperaba que o agardado xogo Grand Theft Auto V acadase relevancia ata o vindeiro xoves, cando está previsto que teñamos unha vista previa do seu modo multi-xogador en liña, o director de relacións cos investidores de nVIDIA, Christ Evensen, durante a presentación dos resultados financeiros da compañía para o segundo trimestre fiscal de 2014, asegurou que, mentres os tablets están a gañar peso para labores como navegar pola web, consultar o correo electrónico, consumir vídeo e participar en redes sociais, “os xogadores están a preparar os seus sistemas para un forte catálogo de xogos que chegarán este outono, incluíndo franquías supervendas como Call of Duty: Ghosts, Grand Theft Auto V e Assassin’s Creed IV”, o que sería a primeira ocasión na que alguén da industria dá por sentado que este xogo só anunciado para Xbox 360 e PlayStation 3 terá versión para PC.
De todos os xeitos é de agardar que GTA V chegue só nas versións para consola o 17 de setembro, mentres que a versión para ordenadores persoais tardaría máis en ver a luz, como acontece con moitos outros xogos nos que as distribuidoras prefiren dar prioridade ás versións de consola (habitualmente máis rendibles).

A versión para PC de GTA V podería chegar ás tendas no outono

PUBLICIDADE