GTA: Liberty City Stories estrea versión para Android

venres, 12 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

No ano 2006 un dos xogos máis vendidos para PSP foi GTA: Liberty City Stories, unha das entregas de Grand Theft Auto deseñadas pensando en dispositivos móbiles durante o primeiro momento, e aínda que contou con conversións para PlayStation 2 e 3, Rockstar Games está a traballar en recuperar a súa esencia devolvéndoo a dispositivos móbiles, de xeito que o pasado decembro estreou versión para iOS e hoxe fai o mesmo para Android, podendo adquirirse por 3,99 euros.
Esta aventura da franquía GTA está optimizada para dispositivos móbiles, non só polo seu sistema de control, senón tamén pola súa estrutura, xa que está dividido en misións máis cortas que un GTA tradicional, que nesta nova versión conta con numerosas melloras gráficas, reaxustes no control táctil e compatibilidade con mandos físicos. Tamén goza con gardado multi-plataforma na nube de Rockstar.
GTA: Liberty City Stories colócanos na pel de Toni Cipriani, un antigo home de confianza da familia Leone, que volve a Liberty City tras pasar un tempo agochado por ter asasinado a outro mafioso, atopando unha cidade sumida no caos, con corrupción política, crime organizado, tráfico de drogas e folgas sindicais. O traballo de Toni nesta aventura será facilitar que os Leone controlen a cidade, tendo que superar numerosos atrancos no camiño.

JPEG - 98.3 KB
O xogo pode controlarse tanto de xeito táctil coma cun mando físico

PUBLICIDADE