GRID 2 verá a luz en 2013

mércores, 8 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Codemasters anunciou hoxe a secuela do popular Race Driver: GRID, actualmente en desenvolvemento por Codemaster’s Racing Studios e cun lanzamento previsto para 2013 en versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC. O xogo nin destacará pola orixinalidade do seu título, GRID 2, pero non decepcionará por volver a ofrecer variedade de escenarios e unha experiencia moi emocionante que transmite tal sensación grazas a unha representación en pantalla dun xeito moi cinematográfico.
GRID 2 xa leva 2 anos en pre-produción, e na actualidade está a desenvolverse empregando o motor gráfico EGO (Game Technology Platform), polo que rexistrará un notable avance tecnolóxico fronte a súa primeira entrega que en 2008 introduciu numerosos elementos que hoxe xa son practicamente un estándar no seu xénero.
O xogo contará cun modo traxectoria na que haberá que competir contra a máquina en espectaculares carreiras de atmosfera cinematográfica, estando tamén dispoñible unha experiencia multixogador destacable, cun sistema de progresión único e con numerosas opcións de personalización e integración con RaceNet.
O sistema de control TrueFeel do GRID orixinal tamén evoluciona nesta nova entrega, buscando unha vez máis situarse a medio camiño entre a accesibilidade e a simulación, para permitir que goce do xogo o maior número de público posible.


Trailer de presentación de GRID 2

PUBLICIDADE