Gradiant participa no evento ICT2015 de Lisboa

xoves, 22 de outubro do 2015 Redacción

Gradiant (Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia) está dende o martes 20 de outubro até hoxe en Lisboa, pois até alí enviou a unha delegación para participar arreo no ICT2015, o meirande encontro de Europa sobre Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Engadir que tanto as conferencias coma a exhibición están estruturadas arredor de tres conceptos: innovar, conectar e transformar.
Ao longo das conferencias, nas que participan empresas de referencia e comisarios da Unión Europea (UE) entre outros, exporanse as liñas principais que rexerán as políticas europeas de I+D en TIC, detallaranse as oportunidades de financiamento dentro do programa Horizon 2020 da UE para o mesmo período, e celebraranse sesións temáticas sobre topics particulares como Internet of Things. Nestas sesións temáticas profundarase nas liñas de financiamento europeo dispoñíbeis dentro do programa Horizon2020 e nos obxectivos precisos que os proxectos de I+D que se presenten neste período 2016-2017 deben abranguer.
Pola súa banda a exhibición amosará os resultados e o progreso de proxectos de I+D en TIC seleccionados de entre os programas de apoio FP7, CIP e H2020, facendo especial fincapé en exemplos concretos de cooperación internacional. A CE habilitou unha páxina web onde seguir os plenarios e as conferencias en streaming.

PUBLICIDADE