GPS con indicacións sobre vídeo en tempo real

luns, 1 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O novo navegador fai máis doado manter a atención na estrada mentres consultamos a información en pantalla

Nos últimos meses os navegadores GPS están a avanzar de xeito impresionante con funcións como a incorporación de imaxes reais, pero ás que Blaupunkt parece querer dar unha perspectiva moi diferente, xa que o seu TravelPilot 700 destaca por presentar as indicacións de navegación sobre imaxes en vídeo en tempo real, ou sexa, que capta cunha cámara o que acontece na estrada e presenta sobre as imaxes a información gráfica de xeito que mirar ao GPS non supón unha distracción da condución.
Este novo navegador non só nos indicará con frechas cara a onde debemos xirar para chegar ao noso destino, senón que tamén nos informará da velocidade máxima á que podemos circular (e mesmo é capaz de recoñecer os sinais de tráfico para indicar a velocidade de cada tramo).
Para rematar de pechar o produto, Blaupunkt tamén lle incorporou Wi-Fi (polo que se pode empregar para acceder á Rede), Bluetooth (para dispositivos de mans libres ou para reproducir música dende o móbil ou un reprodutor multimedia) e sintonizador de TDT. Todas estas prestacións fai que o dispositivo que vai comezar a venderse este mes custe algo máis de 500 euros.


Demostración do funcionamento do TravelPilot 700 de Blaupunkt

PUBLICIDADE