GOG recupera 3 grandes xogos de 16 bits da Disney

xoves, 4 de agosto do 2016 Marcus Fernández

A plataforma de xogos sen protección anticopia GOG.com está a recuperar tres dos máis lembrados xogos de plataformas de 16 bits da Disney, que nos anos 1993 e 1994 chegaran a PC e varias consolas de videoxogos con gráficos moi coloridos, animacións fluídas e mecánicas arcade o suficientemente accesibles como para que calquera puidese divertirse botando unha partida cos personaxes de animación de moda.

No xogo de O Rei León comezaremos cun Simba de cativo

Os xogos recuperados por GOG, que por tempo limitado ofértanse a 8,99 euros cada un (ou 20,07 euros en conxunto) son os de O Libro da Selva, O Rei León e Aladino, que durante moito tempo permanecen na memoria dos afeccionados ás producións da Disney, tanto polas súas películas orixinais como por estes atractivos xogos que no momento que viron a luz sorprendían polo detalle dos seus debuxos, que parecían case calcos das ilustracións orixinais (cos limitacións das resolucións de pantalla dos xogos da época).
Os xogos teñen un 10% de desconto cada un e un 33% o lote cos tres durante 4 días seguidos, de xeito que o vindeiro domingo rematará esta interesante promoción de xogos compatibles con Windows (dende XP até 10), OS X (a partires da versión 10.9) e Linux.

Aladdin é un dos filmes que tivo unha excelente transformación en xogo de plataformas na época dos 16 bits

Vídeo promocional dos xogos de Disney recuperados por GOG.com

PUBLICIDADE