GAIN e a Fundación Barrié fórmannos este outono en recursos para lanzar spin-off de alicerce tecnolóxico

xoves, 26 de agosto do 2021 S. P.

A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Barrié, organiza a parrir do 5 de setembro o curso en liña Formación executiva para investigadores/as posdoutorais. Trátase dunha actividade formativa de balde enmarcada no Programa Ignicia de Transferencia de Coñecemento e nas actuacións autonómicas de impulso ao desenvolvemento profesional do persoal investigador posdoutoral.
En concreto, o obxectivo deste curso online é capacitar, adestrar e orientar a 30 participantes en coñecementos e competencias relacionados coa comercialización de resultados de investigación, así como na promoción e xestión de spin-offs.
Cunha duración total de 60 horas, distribuídas en 15 sesións de 4 horas cada unha, a actividade formativa desenvolverase entre setembro e novembro de 2021 en horario de mañá. O programa estrutúrase en 3 módulos que serán impartidos integramente en inglés: Formación executiva para investigadores/as posdoutorais, Aspectos legais da constitución e crecemento de proxectos de base tecnolóxica e Elementos fundamentais para a creación de spin-offs.
Podemos consultar toda a información de xeito en liña (a través dun documento en PDF) e, tamén, inscribirnos. O prazo remata o día 23 de agosto ás 20:00 h.
Para calquera dúbida ou aclaración podemos poñernos en contacto coa axencia a través do correo electrónico programacion.centros.gain@xunta.gal ou no teléfono 981 957 012.

PUBLICIDADE