GAIN dará apoio ás empresas tecnolóxicas que non obtiveran fondos do Neotec

venres, 18 de marzo do 2022 Anxo Sesto

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, anuncio este xoves 17 de marzo, a continuidade da liña de apoio da Xunta a proxectos de emprendemento de base tecnolóxica galegos que non obtiveron financiamento do Neotec por falla de crédito. Esta medida enmárcase no compromiso da Xunta co emprendemento que, no ano 2021, permitiu apoiar a 15 proxectos tecnolóxicos galegos cun investimento de máis de 3 millóns de euros.
A directora da axencia GAIN animou ás empresas galegas a presentarse a esta convocatoria do programa Neotec e Neotec Emprendedoras, así como a convocatorias estatais e europeas para atraer cara a Galicia fondos necesarios e proxectos estratéxicos. Tamén agradeceu a colaboración do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), co que existe unha liña de colaboración para impulsar a innovación empresarial en Galicia. O rescate a proxectos de emprendemento de base tecnolóxica ven sumado a outras actuacións das que a Xunta dispón para apoiar o emprendemento, como os programas de incubación ou os de aceleración.
Un exemplo disto é o programa Ignicia, que apoia a chegada ao mercado dos resultados da investigación realizada nos centros de coñecementos galegos. Esta aposta verase reforzada no marco da nova Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que guiará a innovación galega ata 2027.

PUBLICIDADE