Fujitsu lanza un móbil capaz de correr Windows 7

venres, 22 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Nun momento no que Microsoft está a centrar os seus esforzos en gañar presenza nos móbiles co seus sistema operativo Windows Phone 7, chega Fujitsu e sorprende anunciando no Xapón o novo terminal F-07C, que comezará a vender NTT DoCoMo esta fin de semana e que podería considerarse coma un dos ordenadores máis cativos do mundo, xa que está equipado cun procesador Intel Atom Z600 a 1,2 GHz (propio de equipos ultraportátiles), 1 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento e sistema operativo Windows 7 xunto cunha licenza de 2 anos do Microsoft Office Personal 2010.
Este terminal de 125 x 61 x 19,8 milímetros e 218 gramos de peso pode funcionar como un teléfono móbil pero, premendo un botón, convértese nun ordenador completo, cunha pantalla táctil de 4 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, teclado QWERTY deslizante, cámaras de 5,1 e 0,32 Mpíxeles, Wi-Fi N e a posibilidade de conectalo a unha basea que permitiría a conexións de teclado, rato e incluso saída HDMI para poder ver as imaxes do equipo nunha pantalla de grande tamaño.
Pero as funcionalidades de PC teñen un elevado prezo neste terminal, poias así como é capaz de aguantar 600 horas en espera e 370 minutos en conversa no seu modo telefónico, cando o empregamos como ordenador a súa autonomía cae a menos de 2 horas, polo que entendemos que é un dispositivo que busca servir de ordenador de emerxencia para profesionais que viaxen con certa frecuencia e non desexen cargar cun ordenador completo.

PUBLICIDADE