Fujitsu-Siemens comeza a comercializar monitores que non consumen en espera
xoves, 14 de agosto do 2008
Nos últimos meses
desenvólvese toda unha campaña para concienciar aos consumidores de que os
dispositivos electrónicos en espera
tamén consumen enerxía, pero este problema cada día parece ser menos importante,
non polo cambio de hábitos dos usuarios, senón porque os fabricantes comezan a
optimizar o consumo enerxético e así temos que Fujitsu-Siemens anunciou unha nova
liña de monitores LCD que consumen 0 vatios en espera.
Os primeiros modelos en sumarse a esta solución (que fai que o PC sexa capaz de
apagar completamente o panel LCD do monitor cando o pon en espera) son os P20W-5
ECO e P22W-5
ECO de 20 e 22 polgadas respectivamente, contando ambos cunha
resolución de 1.680 x 1.050 píxeles, unha velocidade de resposta de 5
milisegundos e porto HDMI, estando xa dispoñible en Europa.
Agardemos que este tipo de innovacións se vaian xeneralizando non só no
catálogo de Fujitsu-Siemens, senón tamén no do resto de fabricantes.