Fujifilm fai máis accesibles as súas cámaras de medio formato

venres, 3 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Fujifilm lanzará a finais do presente mes a súa nova cámara sen espello Fujifilm GFX50S II cun sensor de grande tamaño (o que normalmente se coñece como medio formato), aproximadamente 1,7 veces máis grande que un sensor full-frame de 35 milímetros, capaz de captar imaxes a 51,4 Mpíxeles con grande calidade, ao que tamén contribúe o seu sistema de estabilización no corpo da cámara, mantendo un tamaño compacto e un peso de preto dos 900 gramos.
Falamos dun tipo de cámara que normalmente está fóra do alcance da meirande parte do público por mor do seu elevado prezo, pero que desta volta é máis asumible, xa que este modelo sairá á venda a 3.999 dólares, cando o modelo anterior custaba 5.499 dólares. A cámara poderá adquirirse tamén cun obxectivo Fujinon GF35-70mm F4.5-5.6 WR (incrementando o prezo até os 4.499 dólares), co que promete imaxes de grande calidade nun amplo rango de situacións.
Esta cámara está dirixida a usuarios para os que as cámaras full frame non son dabondo, e grazas ao seu sensor CMOS de 43,8 x 32,9 milímetros consegue captar imaxes de grande calidade cos seus píxeles de 5,3 micrómetros, aínda que para unha boa experiencia de uso tamén conta con elementos como un tamaño compacto que facilita o seu transporte, un peso comedido, un deseño ergonómico que facilita o seu agarre, un sistema de enfoque automático de alta velocidade e unha pantalla LCD abatible (en 3 direccións) de 3,2 polgadas.
Entre as súas funcións tamén cómpre destacar que conta con Pixel Shift Multi-Shot, o que facilita a combinación de 16 ficheiros RAW para crear unha única imaxe de 200 Mpíxeles, o que pode resultar ideal para, por exemplo, capturar os detalles dunha obra de arte. Tamén permite a gravación de vídeo Full HD e conectividade sen fíos (para o control remoto e a transferencia/visualización de imaxes).

Vídeo promocional da cámara Fujifilm GFX50S II

PUBLICIDADE