Fujifilm anuncia unha nova cámara resistente

luns, 25 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Fujifilm presentou nos EE.UU: unha nova cámara fotográfica ideal para aventureiros, a FinePix XP200, que aparte de contar cun sensor CMOS de 16 Mpíxeles e zoom de 5x, pode presumir de ser quen de ser resistente á auga ata a 15 metros de profundidade, soportar caídas de ata 2 metros de altura, soportar temperaturas de ata 10 graos baixo cero e resistir o po.
En vista dos usos movidos desta cámara dixital, a FinePix XP200 tamén conta cun estabilizador de imaxe que fai que as súas instantáneas sexan máis nítidas e definidas, incluso en condicións con pouca luz, e fai doado transferir fotografías e vídeos da cámara a smartphones, tablets e ordenadores para compartilos en Facebook e Twitter en poucos segundos, para o que pode empregarse a aplicación oficial de Fujifilm para iOS ou para Android, en mobilidade (que incluso permiten ver as imaxes almacenadas na cámara en precisar dun punto de acceso Wi-Fi), mentres que para PC tamén ai o software correspondente, que incluso facilita a realización de copias de seguridade sen fíos das nosas fotografías nun cartafol do ordenador.
Esta nova cámara é capaz de disparar ata 10 imaxes por segundo a resolución completa, mentres que en vídeo pode gravar a 1.080i a 60 imaxes por segundo (contando tamén cun modo de ata 240 fotogramas por segundo para facilitar reproducións en cámara lenta).
A pantalla de 3 polgadas da cámara tampouco queda curta, tanto pola súa resistencia como polo feito de ten un recubrimento anti-reflexos que facilita a súa visualización baixo a luz do sol (para o que a pantalla tamén conta cun sistema de axuste de brillo automático).
Chegará ás tendas norteamericanas no mes de maio a un prezo de 299,95 dólares (233,32 euros) con carcasas en cor negro, amarelo, azul e vermello.


Vídeo promocional da nova cámara de Fujifilm

PUBLICIDADE