Fujifilm actualiza as súas cámaras dixitais

mércores, 22 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Fujifilm actualiza o seu catálogo de cámaras dixitais, e incorpora 4 novos modelos entre os que destaca especialmente a FinePix S200EXR, por incluír unha lente Fujinon cun zoom óptico de 14,3x, aínda que esta réflex dixital tampouco queda curta no resto de prestacións, incorporando un sensor CCD de 12 Mpíxeles, unha pantalla LCD de 2,7 polgadas de alto contraste, un visor electrónico de 0,2 polgadas e unha mellora de autonomía do 50% con respecto do seu modelo predecesor (a FinePix S100FS).
Tamén goza dun sistema de flash intelixente, 5 modos de simulación de película (vívido, estándar, suavizado, blanco e negro e sepia), disparo en RAW e JPEG simultaneamente, dobre estabilización de imaxe, configuración manual (achega un control exhaustivo de axustes como a exposición ou a sensibilidade) e gravación de vídeo a 640 x 480 a 30 fotogramas por segundo.
Chegará ás tendas norteamericanas en agosto por 599,95 dólares (421 euros), pero non é a única cámara de Fujifilm que chega cun bo zoom, senón que a FinePix F70EXR tamén porase á venda o vindeiro mes por 279,95 dólares (196,18 euros).
Estariamos a falar dunha cámara compacta de 10 Mpíxeles que integra un sorprendente zoom de 10x (especialmente se temos en conta que o seu grosor é de só 2,27 centímetros). Tamén simula 5 tipos de película, inclúe un flash intelixente, unha pantalla LCD de 2,7 polgadas e alto contraste, dobre estabilización de imaxe, Detector de caras 3.0 (segue ata 10 caras simultáneas) e borrado automático de ollos vermellos. Sen dúbida, unha cámara a ter en conta para quen precise tomar imaxes de calidade á vez que queira gozar de alta portabilidade.

PUBLICIDADE