Fujifilm achega a súa impresora fotográfica para smartphones á Nintendo Switch

xoves, 22 de abril do 2021 Marcus Fernández

Fujifilm está lanzará o vindeiro día 30 unha aplicación para a Nintendo Switch que permitirá empregar a impresora para smartphones instax mini Link con personaxes e escenarios de xogos de Nintendo como Animal Crossing: New Horizons ou New Pokémon Snap, sen esquecer aos Super Mario, de xeito que fai doada a creación de impresións baseadas en xogos, para achegar os títulos de Nintendo ao mundo real.
A instax mini Link é unha pequena impresora fotográfica de instantáneas de 86 x 54 milímetros (62 x 46 milímetros se descontamos o marco) cunha resolución de 800 x 600 píxeles, que conéctase ao smartphone por Bluetooth para facilitar o seu control a través dunha aplicación que conta con numerosos modelos predefinidos, de xeito que resulta bastante doado crear imaxes divertidas, e que grazas á nova aplicación para Switch abrirá a posibilidade de imprimir momentos de xogos ou personaxes que teñamos almacenados na consola de Nintendo, realizándose a transferencia de imaxes entre a consola e o smartphone mediante códigos QR que presentará a consola en pantalla. Tamén será posible mesturar as nosas fotografías con distintos deseños baseados en xogos de Nintendo.
Aproveitando o lanzamento da nova aplicación Fujifilm vai pór á venda unha nova versión da impresora para smartphones que incluirá unha funda de Pikachu.

Fujifilm comercializará unha versión da instax mini Link cunha funda de Pikachu
Imaxe promocional da nova aplicación para Switch da instax mini Link

A instax mini Link poderá empregarse con contidos da Switch a partir do 30 de abril

PUBLICIDADE