Frikiroga: un festival convocado na Web para rehabilitar unha escola

martes, 29 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Na Web pódese rehabilitar cultura. E cando falamos de cultura falamos de moitas cousas, incluída arquitectura popular galega. Diso, de empregar a Internet como instrumento de cantería é do que trata unha iniciativa veciñal do concello lucense de Quiroga. Con todo, e tal e como se relata estes días en A Voz, o papel da Web neste caso é máis ben un papel de convocatoria, e tamén de ucha par ir de porta en porta, pero sen ter realmente que facelo (vantaxes da Internet). O caso é que os veciños queren rehabilitar a antiga escola unitaria de Soldón de Seara (xa no Courel), que foi construída en 1940 e fica en abandono dende 1974. A idea: poñela a disposición da comunidade, igual “cós montes”.
Con este motivo, habilitouse na Rede un espazo chamado “Frikiroga”, que é como se define o festival organizado para recadar fondos para o devandito traballo de posta en valor.
Detrás do proxecto están un grupo de mozos e mozas comprometidos non só co patrimonio etnográfico e social do seu contorno, senón co futuro das comarcas da nosa terra que fican lonxe dos grandes espazos urbanos.
Por certo que o dito festival, encamiñado tamén a sacar de cada galego e galega o friki (enténdase por friki un espírito libre) que leva dentro, vai ter lugar na parroquia da Hermida o vindeiro sábado ó longo de toda a xornada.
A listaxe de grupos convocados é ben interesante: Ruxe-Ruxe, Santa Compaña, Nunca Se Sabe & Kain233, Armadanzas e Ultraqäns, así como a presenza do chamado “Hendrix das Tarrañolas”, o senlleiro solista galego Cañita Brava. Asemade, haberá xogos e actividades até para os gustos máis particulares e minoritarios. Por exemplo: un certame de leado de cigarros ou un campionato “posmoderno” que mestura o xogo da chave coa da Play Station. Amais, haberá zona de acampada de balde e está prevista a actuación da Banda de Gaitas O Recanto e da Charanga Os Veraneantes.

PUBLICIDADE