Francia prepara unha alternativa a WhatsApp e Telegram

martes, 17 de abril do 2018 Marcus Fernández

O uso de aplicacións de mensaxería instantánea por parte de políticos e altos funcionarios está a considerarse toda unha ameaza para a seguridade por parte de distintos gobernos, e como reacción temos agora que o goberno de Francia decidiu desenvolver o seu propio servizo de mensaxería cifrada ante o temor de padecer espionaxe de gobernos estranxeiro e, moi especialmente, ante a desconfianza sobre a seguridade das ferramentas actuais de compañías como Facebook (propietaria de WhatsApp), que nas últimas semanas está a demostrar o pouco coidado que ten cos datos dos seus usuarios.
Emmanuel Macron é un usuaio activo de Telegram, pero tanto esta ferramenta como WhatsApp operan dende fóra de Francia, polo que o risco de que haxa filtracións de datos sobre os que non poidan ter control é moi elevado, de aí que agora estean xa a probar a nova aplicación de mensaxería instantánea entre 20 altos cargos gobernamentais, coa intención de converter esta ferramenta en obrigatoria para todo o goberno francés a partires do vindeiro verán.
A voceira do goberno francés asegura que precisan «atopar un xeito de ter un servizo de mensaxería cifrada que non estea cifrado polos EE.UU. ou Rusia» engadindo que o risco de filtracións é demasiado preocupante como para non tomar medidas.
A aplicación de mensaxería que están a desenvolver parece estar baseada en código aberto, e tamén abriríase a todos os cidadáns, aínda que polo momento non dan detalles sobre esta nova plataforma.

PUBLICIDADE