Forzas policiais de 11 países europeos estudan como bloquear as páxinas web de pederastia

xoves, 20 de setembro do 2007 Raquel Noya

Fartos de denunciar o poder e o alcance que teñen as redes de pederastia a nivel mundial e logo de desmantelar centos delas só en España, policías de 11 países da Unión Europea veñen de reunirse en Madrid para estreitar contactos e implantar un filtro en Internet que lle impida ós pedófilos acceder ás páxinas de pornografía infantil.
Para acadar tal fin (sinalaron) é preciso establecer un acordo de colaboración entre o Corpo Nacional de Policía e os principais provedores de Internet en España (Telefónica, Orange e Jazztel, entre outros) polo que estes se comprometeran a evitar o acceso a páxinas web nas que se comercia con pornografía infantil.
Na actualidade xa se aplican estas medidas en Noruega, Dinamarca e Suecia, polo que, en vistas do bo funcionamento das mesmas, a policía estuda estreitar lazos e “conseguir que o filtro quede implantado a nivel internacional”.
O proxecto, que se coñece como CIRCAMP funciona de tal xeito que, unha vez posto en marcha o proceso de filtrado, os servidores de acceso a Internet redireccionan as peticións de acceso a estas “webs” a unha páxina “STOP”, deseñada pola policía, na que se avisa de que a posesión e distribución de imaxes de abuso sexual de menores é un feito delictivo.
Outro dos asuntos tratados nesta reunión, na que estiveron presentes, Noruega, Reino Unido, Dinamarca, Bélxica, Francia, Irlanda, Italia, Suecia, Finlandia, Holanda e España, foi a necesidade de identificar as vítimas dos abusos, ós distribuidores do material relativo ó abuso sexual de menores é ós propios abusadores a fin de reducir o dano causado á poboación e levar a cabo operacións máis precisas en vindeiras ocasións.

PUBLICIDADE