Fortnite supera os 125 millóns de xogadores

mércores, 13 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A chegada de Fortnite a Nintendo Switch foi unha das grandes novas da semana para moitos de xogadores, como demostrou o feito de que en menos de 24 horas o xogo superase os 2 millóns de descargas segundo desvelou o presidente de Nintendo nos EE.UU., Reggie Fils-Aime, nunha entrevista ante Polygon, asegurando que iso confirma tanto o peso da franquía como o atractivo de poder gozar do xogo en calquera momento e lugar grazas á portabilidade da Switch.
O equipo de Fortnite tamén confirmou estes días que en menos dun ano conseguiron acadar os 125 millóns de xogadores, marca realmente impresionante, e para celebralo adiantan máis detalles da aposta de Epic Games polos eSports destinando 100 millóns de dólares a premios en competicións do xogo. A compañía apoiará eventos organizados pola comunidade, eventos en liña e grandes competicións celebradas en todo o mundo nas que calquera pode participar e gañar.
Adiantaron que a fase clasificatoria para o Fortnite World Cup comezará no outono e terminará co primeiro Fortnite World Cup a finais de 2019, competición coa que buscan que a xente goce tanto participando como véndoa dende a casa. Aínda que os 100 millóns de dólares antes mencionados irán destinados a moitos eventos espallados por todo o mundo, a World Cup centrarase en partidas en solitario e dúos, aínda que tamén haberá oportunidades para formar escuadróns na competición.
Dende Epic Games aseguran que a Fortnite World Cup estará baseada en méritos na súa fase clasificatoria, ou sexa, que a compañía non vai vender equipos nin franquías e non permitirá que o fagan ligas de terceiros.

Vídeo no que adiantan detalles sobre a Fortnite World Cup

PUBLICIDADE