Fortnite para iOS xerou máis de 50 millóns de dólares

luns, 7 de maio do 2018 Marcus Fernández

A chegada de Fortnite Battle Royale a iOS non só está a deixar aos usuarios de Android impacientes esperando a que o popular xogo chegue á súa plataforma, senón que tamén está a converterse en todo un exemplo de éxito baixo a fórmula do free-to-play, xa que pese a estarmos ante un xogo que pode gozarse totalmente de balde, segundo datos de Sensor Tower tería captado máis de 50 millóns de dólares en ingresos grazas ás compras realizadas polos seus xogadores dentro da aplicación.
Destacan que a estrea da cuarta tempada de Fortnite, coa que recibíanse novos contidos, disparouse o gasto dos usuarios, de xeito que o pasado día un experimentouse un crecemento do 293%, con respecto da semana anterior, con numerosos usuarios pagando un mínimo de 9,99 dólares (10,99 euros no caso europeo) para mercar V-Bucks (os cartos virtuais do xogo) e así poder desbloquear contido adicional.
O xogo de Epic Games está a conseguir que só a súa versión móbil xere 1 millón de dólares ao día, confirmando que este éxito de ordenadores persoais e consolas domésticas tamén pode trunfar en dispositivos móbiles.
Tamén cómpre destacar que o seu principal rival, PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS, que aposta polas caixas de botín como canle de financiamento, está a ser menos lucrativo na súa versión móbil, de xeito que podemos estar ante un momento chave para o sector, no que as distintas fórmulas de abordar o xénero dos battle royale defina o modelo de negocio predominante nos vindeiros meses.

Fortnite está a converterse en todo un exemplo de éxito para os xogos free-to-play

PUBLICIDADE