Fortnite estrea editor para poder crear experiencias dentro do xogo

xoves, 23 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O anticipado Unreal Editor para Fortnite xa é unha realidade, e agora os interesados xa poden empregar esta ferramenta para crear xogos e experiencias dentro de Fortnite, o que potenciará o xogo de Epic Games dun xeito sen precedentes, contando como principal atractivo unha base de usuarios de máis de 500 millóns de contas.
Este novo editor, aínda en probas, conta con moitas das ferramentas de Unreal Engine 5, de xeito que creadores e desenvolvedores de videoxogos están xa familiarizados co contorno para poder producir experiencias que cheguen aos millóns de xogadores de Fortnite, e como incentivo para facer tal anunciaron Creator Economy 2.0, unha especie de bolsa que repartirá proporcionalmente entre os creadores o 40% dos ingresos netos que se consigan das illas e as experiencias que se fagan para o xogo.
Haberá que dar tempo para ver como evoluciona todo este novo mercado, pero parece bastante probable que axudará a manter o pulo de Fortnite a longo prazo, así como tamén pode animar a moitos usuarios a dar pasos cara a converterse en creadores de contidos para videoxogos impulsados tanto pola diversión do procedemento creativo como pola contrapartida económica que poderían recibir.

PUBLICIDADE