Fortnite declara a guerra a Apple e Google

xoves, 13 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Dende Epic Games lanzaron un órdago ao presentar unha nova forma de pagamento para iOS e Google Play en Fortnite, o chamado pago directo a Epic, que trátase do mesmo sistema empregado para procesar operacións en ordenadores persoais, evitando así pasar polas plataformas de pagamentos de Apple e Google, o que premian con descontos de até un 20% ao adquirir PaVos, xa que evitan as comisións (do 30%) polas operacións que impoñen os responsables das tendas de aplicacións, o que supón unha vantaxe directa para Epic e para os consumidores, pero non así para Apple e Google, o que claramente é unha declaración de guerra ás condicións comerciais das principais tendas de aplicacións para iOS e Android.
A reacción dos xigantes tecnolóxicos non se fixo agardar, e Apple procedeu retirando Fortnite da App Store por violar as súas condicións de uso, facendo Google o mesmo, pero coa diferenza de que en Android existen outros métodos para instalar o xogo (como tendas de aplicacións alternativas ou a instalación directa do xogo).
O enfrontamento entre Epic Games e Apple é así moito máis cru, e para ilustralo chegaron a crear un vídeo no que parodian o histórico anuncio televisivo co que presentouse en sociedade o Macintosh á vez que prepararon un borrador de demanda xudicial no que denuncian o abuso de Apple no monopolio que exerce para a publicación de aplicacións en iOS, ou sexa, que non están a pedir unha redución das comisións da App Store, senón o cambio das normas de Apple.
Sobra dicir que nin o texto da demanda nin o vídeo paródico son contidos que poidan elaborarse en poucas horas, deixando claro que estamos ante un plan artellado por Epic Games para atacar ao modelo de negocio establecido polas tendas de aplicacións móbiles aproveitando a relevancia que actualmente ten Fortnite, o que podería levar a que os reguladores entrasen a tomar partido no conflito. De feito, o tema das condicións da App Store xa está a ser materia de investigación en Comisión Europea tras unha denuncia de Spotify, e o conflito con Epic podería apoiar o argumento de que Apple ten o monopolio das aplicacións en iOS, o que xustificaría que lle impuxesen unhas novas normas para a App Store, que irían dende a redución das comisións (ou a autorización de empregar sistemas de pagamento externos dentro das apps) até a autorización da creacións de aplicacións dende as que se puidesen adquirir outras aplicacións.

Vídeo no que Epic Games parodia o anuncio do Macintosh de 1984

PUBLICIDADE