Fortes críticas á protección DRM de Spore

martes, 9 de setembro do 2008 Marcus Fernández

A última creación de Will Wright, Spore, chega finalmente ás tendas, pero pese a que se trata dun xogo excelente e orixinal, non está a ser moi ben recibido por incorporar un sistema DRM (Securom) que só permite a súa instalación en 3 ocasións, o que non parece agradar aos usuarios, que temen que tras pagar os preto de 60 euros que custa o xogo poderían quedar sen o mesmo se teñen que reinstalar o seu sistema operativo ou cambiar de ordenador en varias ocasións (ou sexa, que en vez de mercalo os usuarios o estarían a alugar).
O sistema de protección do xogo incluso se instala no ordenador e non se pode desinstalar, do que parece que Electronic Arts non informa axeitadamente, aínda que o peor de todo é que todas estas medidas de seguridade só serven para molestar aos usuarios lexítimos, pois xa existen copias crackeadas do xogo dende o día do seu lanzamento (e antes de que chegase ás tendas de moitos países).
Por desgraza, todo este panorama está a afectar moi negativamente ao xogo, que aínda que a crítica profesional lle dá un 86 sobre 100, os usuarios o castigan cun 6,5 sobre 10. Na plataforma de revisións por parte dos usuarios en Amazon a situación aínda é máis radical, con 1.255 de 1.345 revisións puntuando o xogo con só 1 de 5 estrelas, ou sexa, que a loita contra a copia do xogo podería pasarlle factura a Electronic Arts (pois moitos consumidores poden preferir unha copia pirata a unha copia infectada por Securom).

PUBLICIDADE