O COETTGA pon en valor o sector das Telecomunicacións nun evento presencial

venres, 2 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) celebra o II ForoTelecos Galicia este sábado no Balneario Arnoia Caldaria, cita que presume de ser o primeiro evento formativo presencial que os enxeñeiros de telecomunicacións celebran a nivel nacional, de xeito que será un bo termómetro para medir avances, proxectos e expectativas do sector de cara aos vindeiros meses e para facer un breve balance do período pandémico e as súas consecuencias.
O encontro, que contará con probas de antíxenenos para todos os asistentes, contará coa presenza do decano co Colexio Estatal, Antonio Fernández-Paniagua, secretario xeral de Planificación e Xestión do Espectro Radioeléctrico, os decanos das distintas demarcacións a nivel estatal e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Tras o acto inaugural desenvolveranse as xornadas técnicas formativas dirixidas principalmente a colexiados e precolexiados nas que representantes de empresas tecnolóxicas internacionais e de organizacións do sector transmitirán os seus coñecementos, experiencias e futuros proxectos.
Pechará o evento o acto de entrega dos Premios Enxeño 2020, que destacarán o grande traballo das telecomunicacións e dos enxeñeiros técnicos durante o pasado ano, no que os profesionais do sector foron auténticos heroes invisibles.

PUBLICIDADE