Ford comercializa un dispositivo OBD-II que subministra acceso á Rede por Wi-Fi

martes, 20 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Dende hai un par de décadas os automóbiles inclúen un conector OBD-II a través do que pode accederse a información do motor que vai dende as revolucións por minuto até os códigos de erro detectados, existindo no mercado numerosos dispositivos que poden aproveitalo para poder gozar desta información no noso smartphone, pero Ford decidiu ir un paso máis aló e aproveitar esta tecnoloxía para permitir que os seus usuarios de vehículos lanzados a partires de 2010 poidan modernizalos, polo que comezan a comercializar o FordPass SmartLink, un accesorio que permite controlar a saúde do automóbil, recibir alertas de seguridade e incluso facer un seguimento da posición do vehículo, á vez que engade unha prestación que semella estar de moda: poder gozar de Internet por Wi-Fi (recibindo a conexión por LTE).
Temos así que o SmartLink é unha mestura de lector OBD-II e punto de acceso 4G, que pode resultar interesante para quen queira un maior control sobre o seu vehículo e, de paso, achegar acceso á Rede aos seus acompañantes nos desprazamentos, aínda que tal funcionalidade nos EE.UU. ten un prezo bastante elevado (16,99 dólares/mes para un acceso con 1 GB de datos contratados a Verizon).
Dado que esta solución achega conexión á Rede, tamén permite manter o vehículo conectado, o que facilita, por exemplo, a recepción de alertas no caso de que o vehículo abandone unha zona delimitada, ou podendo tamén avisar ante intentos de roubo (xa que integra un acelerómetro que detecta os movementos bruscos).
Polo momento non sabemos se Ford ten pensado comercializar esta solución en España, pero resulta curioso ver como certas prestacións presentes nos automóbiles de nova xeración poden achegarse a vehículos máis antigos, tanto a través de operadores de telecomunicacións (p.ex., AT&T vende o ZTE Mobley para calquera vehículo) como dos propios fabricantes.

PUBLICIDADE