Focus, o navegador privado de Mozilla para Android, en galego

martes, 6 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

Increméntase o panorama de programas significativos e referenciais na nosa lingua. Un dos máis recentes en incorporarse é Focus, o navegador privado de Mozilla para Android. A adaptación ao galego, froito dun traballo encomiábel da Oficina de Software Libre das universidades galegas (CIXUG), permitiranos escoller a nosa lingua como idioma da interface nos axustes de Focus.
Segundo reflicte Mancomún, a OSL desenvolveu en orixe unha análise das cadeas a localizar, como paso previo ao miolo do traballo, que se fixo en varias fases: por unha banda empregáronse esforzos para unha primeira aproximación na que se acometeron as cadeas máis sinxelas (un labor máis achegado á revisión), e pola outra, abordouse a completa tradución da ferramenta unha vez realizadas certas melloras no plugin de tradución OmegaT.
O proxecto Focus para Android está a día de hoxe localizado a 95 idiomas. Deles, 67 teñen a tradución completa, atopándose o galego entre un dos 20 primeiros en acadar tal fito.
Para quen non o saiba, o navegador de Mozilla para Android pasa por ser a opción máis anónima e acaida para a privacidade do usuario de cantas se ofrecen no mercado dixital en materia destas ferramentas. Focus tamén salienta pola súa sinxeleza (non permite abrir varias pestanas á vez) e, ademais, permite eliminar todo o historial de procura e os datos almacenados polas webs no noso móbil, evitando o traballo dos rastrexadores de publicidade. Focus é en boa maneira unha versión simplificada, segura e áxil do Firefox, tamén desenvolvido por Mozilla.

PUBLICIDADE