Flower é o xogo máis descargado para PlayStation 3

xoves, 16 de abril do 2009 Marcus Fernández

Listaxe dos xogos máis vendidos en marzo na PlayStation Store

Cando falamos das boas vendas dos xogos descargables nas consolas de nova xeración tendemos a pensar en títulos coma Braid ou Super Street Fighter II Turbo HD Remix, pero a listaxe de vendas da PlayStation Store de marzo sorprende por amosar por segundo mes consecutivo na primeira posición un título chamado Flower, que consiste en controlar o vento co que se moven unha serie de pétalos de flores, o que parece algo ridículo, pero foi desenvolvido dun xeito xenial, xa que tira proveito do mando Sixaxis e resulta enigmaticamente divertido.
O xogo conta con 6 niveis que se poden superar nuns 10 minutos cada un, polo que resulta un pouco curto, pero a combinación de fermosura visual, música e efectos sonoros que chega a emocionar ao usuario. Un exemplo máis de que a innovación aínda é posible no mundo dos videoxogos.


Trailer de Flower

PUBLICIDADE