Firefox OS estrea smartphone 4G no Xapón

mércores, 24 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O novo smartphone con Firefox OS está fabricado por LG

Aínda que os smartphones con Firefox OS non parecen pasar de ser una anécdota no mercado, dende Mozilla non dan a batalla por perdida, e continúan a presentar dispositivos baseados no seus sistema operativo móbil baseado en tecnoloxías web, e agora dan conta dun novo terminal que KDDI vai comezar a vender no Xapón, o Fx0, que sorprende por contar con prestacións avanzadas (algo pouco habitual nos smartphones con Firefox OS) e cun deseño moi rechamante (a súa carcasa é transparente, deixando á vista os seus elementos interno, no que parece un aceno á apertura de Firefox OS).
Este novo teléfono móbil sairá á venda mañá e presume de contar con tecnoloxías como NFC, LTE, WebRTC e outras, convertendo ao dispositivo nun dos mellores da súa categoría e, de feito, será o primeiro smartphone con Firefox OS que goce de conectividade 4G. A nivel de procesador tamén parece que amosará un desempeño bastante bo, ao funcionar cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz e 1,5 GB de RAM. Os usuarios contarán con 16 GB de almacenamento interno, cámaras de 8 e 2,1 Mpíxeles e batería de 2,370 mAh (que parece máis que suficiente para un terminal con pantalla IPS de 4,7 polgadas), de xeito que estariamos ante un digno terminal de gama media.

PUBLICIDADE