Finalmente ve a luz o reloxo de Apple

martes, 9 de setembro do 2014 Marcus Fernández

A estas alturas do ano pasado Samsung apresurouse a anunciar o seu GALAXY Gear, un smartwatch que buscaba adiantarse ao rumoreado iWatch de Apple, e finalmente a compañía da mazá deu o agardado salto nesta nova gama de produtos, aínda que centrándose nun deseño elegante e compacto en vez de nas elevadas prestacións, e deixando ao público co mel nos beizos, xa que o produto non chegará ao mercado até primeiros de 2015 a un prezo que parte dos 349 dólares (distanciándose dos seus competidores a este respecto).
O Apple Watch presume de ser o produto máis persoal de Apple, que conéctase ao iPhone para seguir de segunda pantalla, pero buscando unha alta personalización, tanto a nivel de software como de hardware, xa que o dispositivo chegará en 3 variantes: o Apple Watch (con caixa de aceiro inoxidable e cor prata ou gris espacial, con cristal de zafiro e distintas correas), o Apple Watch Sport (con caixa de aluminio anodizado en prata ou gris espacial, con vidro Ion-X reforzado e correas en cores vivos) e o Apple Watch Edition (con caixa en ouro ou en ouro rosa de 18 quilates, cristal de zafiro e correas e pechos de deseño elegante). Tamén será posible adquirir o reloxo en dous tamaños (con 38 ou con 42 milímetros de alto) buscando adaptarse aos distintos tamaños de pulso, detalle que coidaron pouco outros fabricantes (facendo que os seus smartwatches fose moi pouco axeitados para mulleres).
Ante o reducido tamaño de pantalla, Apple decidiu que a típica rosca lateral (chamada Coroa Dixital) sirva para controlar as aplicacións para suplir boa parte dos xestos aos que estamos habituados nas pantallas táctiles. O reloxo tamén dará toques físicos para que non perdamos as mensaxes dos noso achegados (de xeito que o correo electrónico, as mensaxes e as chamadas estarán ao alcance do pulso), pode empregarse para chamadas curtas aproveitando os seus altofalante e micrófono (aínda que tamén facilita o traslado das conversas ao teléfono ou a un auricular Bluetooth (podendo silenciarse unha chamada con só tapar a pantalla do reloxo coa man) e resulta especialmente cómodo para a práctica deportiva, pois incorpora monitor cardíaco óptico, acelerómetro (para medir os nosos pasos) e pode aproveitar o GPS do iPhone para rexistrar as sesións de adestramento, suplindo as funcións principais dos reloxos deportivos actuais (contará con aplicación de adestramento oficial, que permitirá fixar obxectivos, rexistrar logros e presentar recordatorios).
O Apple Watch tamén busca abrir unha nova porta ás aplicacións, servindo para consultar o calendario, empregar mapas, embarcar con Passbook, controlar a reprodución multimedia, operar como mando a distancia, ver a predición meteorolóxica ou incluso ditarlle mensaxes a Siri. É de agardar que nos vindeiros meses cheguen moitas outras aplicacións para este trebello, xa que Apple vai pór a disposición dos desenvolvedores un WatchKit que facilitará a creación de novas apps que saiban tirar proveito do Apple Watch.
Outro detalle salientable do Apple Watch é que cárgase mediante un conector que combina a tecnoloxía MagSafe coa carga indutiva, permitindo así que o interior do reloxo permaneza completamente selado. Tamén integra NFC, de xeito que podería empregarse para a realización de pagamentos vía móbil, polo que temos un produto con moito potencial do que teremos que agardar un meses para ver o que dá de si.

O Apple Watch permite a personalización da súa interface de reloxo
Un dos detalles a salientar do Apple Watch é que o seu tamaño e deseño faino atractivo para o seu uso por parte de mulleres



O sistema de carga do Apple Watch confía o agarre magnético coa carga indutiva


Vídeo de presentación do Apple Watch

PUBLICIDADE