Final Fantasy estrea un xogo desenvolvido directamente para iOS

xoves, 17 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos meses varias das primeiras entregas da saga Final Fantasy adaptáronse a dispositivos móbiles, Square Enix decidiu lanzar hoxe como aplicación para iPhone, iPod Touch e iPad Final Fantasy: All the Bravest, o primeiro xogo real para iOS da compañía, que aínda que non sexa un remake, conserva a estética pixelada dos xogos anteriores e véndese por 3,59 euros, aínda que por eses cartos só teriamos a versión básica deste título, sendo preciso realizar compras dentro da aplicación para ter unha experiencia de xogo completa (mercando personaxes e mundos nos que ampliar a aventura).
Este curioso xogo de rol xaponés propón o enfrontamento continuo con inimigos para ir superando diferentes niveis e gañando puntos para poder engadir máis personaxes no campo de batalla para poder derrotar a inimigos de maior dificultade. O xogo inclúe música da saga Final Fantasy e conta con táboas de clasificación globais. Un xogo máis feito á medida dos nostálxicos das primeiras entregas da popular franquía de Square Enix que queren poder rememorar os vellos tempos en calquera momento e lugar grazas ao seu dispositivo móbil.


Trailer do novo xogo

PUBLICIDADE