Final Fantasy XV chegará a PS4 e Xbox One o 30 de setembro

xoves, 31 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Square Enix anunciou hoxe que o seu agardado xogo Final Fantasy XV chegará finalmente a consolas Xbox One e PlayStation 4 o vindeiro 30 de setembro, pero a data de lanzamento non foi o único detalle adiantado, senón que tamén deron conta de que Yoshitaka Amano está a traballar nun novo proxecto de animación titulado Big Bang! e anunciouse Brotherhood Final Fantasy XV, unha serie de animación xaponesa que contará con 5 entregas nas que se contará a historia detrás dos personaxes do videoxogo (estando xa dispoñible o primeiro episodio en YouTube), e a película completa de animación Kingsglaive: Final Fantasy (que contará a historia de Nyx, un membro das forzas armadas de elite, e contará con actores como Aaron Paul, Lena Headey e Sean Bean na dobraxe).
Hoxe tamén veu a luz a Platinum Demo de Final Fantasy XV, que podemos xa descargar de balde para Xbox One e PlayStation 4, aínda que esa experiencia dista moito da que achegará o xogo final, xa que sitúanos nun escenario místico no que controlaremos a un neno, Noctis, que atravesa o mundo co seu novo compañeiro Carbuncle.
O xogo Final Fantasy XV xa está dispoñible en reserva por 69,99 euros para Xbox One e PlayStation 4, nun lote especial que premia a antelación con contidos adicionais, aínda que moitos xogadores preferirán agardar ás edicións físicas, por contar con edicións especiais moi interesantes. Temos, por unha banda, a Edición Deluxe, que incluirá o xogo nunha caixa metálica e un segundo disco que incluirá o filme Kingsglaive: Final Fantasy XV, así como os contidos especiais propios da compra anticipada do xogo, mantendo o seu prezo nuns prudentes 89,99 euros; mentres que a Ultimate Collector’s Edition irá máis aló incluíndo tamén un libro de arte en tapa dura de 192 páxinas e unha figura de Noctis de 26 centímetros de alto, aínda que cómpre advertir de que o seu prezo é duns prohibitivos 269,99 euros.

JPEG - 141.6 KB
A edición para coleccionistas de Final Fantasy XV será moi limitada e terá o prezo de 269,99 euros

Último tráiler do xogo de Square Enix

PUBLICIDADE