Fíltrase unha copia física de Cyberpunk 2077

luns, 23 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O xogo Cyberpunk 2077 experimentou moitos retrasos no seu lanzamento, pero finalmente puido fixarse a súa saída para o vindeiro 10 de decembro, de xeito que non perde a oportunidade da campaña de Nadal, pero hai unha moi mala nova para os que queiran gozar desta grande produción de CD Projekt Red, xa que alguén conseguiu unha copia física da versión para PlayStation 4 do xogo, ou sexa, que xa hai quen xoga anticipadamente a este título, chegando incluso a publicar bastantes minutos de vídeo xogando.
Esta filtración pode ser perigosa para o xogo non por que faciliten a piratería (como acontecía no pasado) senón porque facilita que persoas sen escrúpulos adiantes detalles narrativos, estragando a futura experiencia de xogar, e dado que a anticipación é tan grande (teñen máis de dúas semanas para ateigar a Rede de spoilers), recomendan aos interesados no xogo que se afasten uns días sobre as conversas en liña sobre o tema, ou incluso que silencien en Twitter o termo cyberpunk para evitar así en boa medida o descubrimento anticipado dalgunha das grandes sorpresas que agocha Cyberpunk 2077.
Para o que si serve a filtración do xogo é para confirmar detalles como que o título de PS4 chega en dous discos Blu-ray (como tamén aconteceu con The Last of Us Parte II) e inclúe unha actualización de balde á versión para PlayStation 5.

PUBLICIDADE