Fíltrase o que podería ser o Nokia Lumia 510

mércores, 3 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Agárdase que no mes de novembro cheguen ao mercado os terminais Nokia Lumia 920 e 820, que chegan para suceder aos Lumia 900 e 800, de xeito que os móbiles con Windows Phone máis modestos da compañía finlandesa quedarían sen relevo directo, deixando un oco no mercado que parece que vai ocupar un móbil do que veñen de filtrarse algúns detalles: o Nokia Lumia 510 sería un móbil con pantalla de 4 polgadas, 256 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno, procesador a 800 MHz e cámara de 5 Mpíxeles, que podería ter un prezo de só 150 dólares e que podería chegar a mercados emerxentes no Nadal e a escala global en 2013.
Un vídeo que amosa un suposto prototipo do Nokia Lumia 510 amosaría que este terminal funciona con Windows Phone 7.5, polo que é de agardar que cando chegue ao mercado xa inclúa Windows Phone 7.8, que sería unha versión renovada incorporando algunhas das melloras propias de Windows Phone 8 (o que principalmente é o seu novo menú de inicio, pois boa parte das innovacións do novo sistema operativo móbil de Microsoft precisan dun hardware bastante esixente).
Parece así que Nokia non quere descoidar aos seu público obxectivo, e aínda que queira gañarse un posto entre o mercado de móbiles de alta gama, non abandonará ás masas, e pretende ofrecerlles móbiles asumibles, o que agradecerán os que non precisen dun potente smartphone no seu día a día.

PUBLICIDADE