Fíltrase á Rede o xogo Batman: Arkham City antes do seu lanzamento

venres, 14 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Para controlar a Catwoman en Batman: Arkham City haberá que facer uso dun pase VIP

O venres da semana que vén era a data que moitos agardaban para poder gozar do xogo Batman: Arkham City, secuela dun título de Rocksteady que fora todo un éxito, e que promete repetir boas impresións grazas ao seu coidado deseño e ás súas mecánicas de xogo, pero que vai verse un tanto ensombrecido xa que antes do seu lanzamento filtrouse a súa versión para Xbox 360 nas plataformas de intercambios de arquivos, que segundo parece corresponde á versión definitiva do xogo (mentres que noutras ocasións as versións filtradas antes do lanzamento correspondían a copias previas ao remate do xogo).
Pero esta información negativa vén acompañada do anuncio de que os usuarios que, aparte de a Batman, queiran poder controlar o personaxe de Catwoman no xogo, van ter que mercar o título de primeira man ou pasar por caixa para poder gozar desta posibilidade, xa que esixirá o uso dun pase VIP (estratexia que están a seguir moitos distribuidores de videoxogos para pór atrancos ás vendas de segunda man, que achegarían unha experiencia en liña menos completa que os xogos novos). O prezo do pase VIP para Batman: Arkham City será de 800 puntos (uns 9,6 euros), incluíndose un código de desbloqueo do mesmo no xogo orixinal (que só permitiría un uso, de aí que os usuarios que adquiran o título de segunda man terían que facer un desembolso adicional para gozar do xogo completo).

PUBLICIDADE