Fíltranse copias de Halo 4 a tres semanas do seu lanzamento

luns, 15 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Os usuarios da Xbox 360 están a agardar con inquedanza a chegada ás tendas de Halo 4, renovación da saga de referencia da consola doméstica de Microsoft, o vindeiro 6 de novembro, pero moitos impacientes están a sucumbir á tentación de probar este título de xeito anticipado, pois vén de filtrase unha copia do xogo, relativamente doada de conseguir na Rede, o que levou ao persoal de Microsoft a reaccionar abrindo unha investigación e a comezar a vetar en Xbox LIVE aos usuarios que xoguen a este título antes do seu lanzamento, por incumprir coas condicións do servizo, como xa teñen feito noutras ocasións, deixando constancia de que este tipo de prácticas páganse caras (impedindo o xogo en liña no futuro).
Como consecuencia de que xa haxa xente gozando de Halo 4 dende o pasado venres, recoméndase aos seus futuros xogadores que nas vindeiras 3 semanas procuren fuxir de artigos e vídeos sobre o xogo que poidan aparecer na Rede se queren evitar spoilers que frustren o xogo ao adiantar detalles importantes da súa historia.

As copias de Halo 4 que circulan pola Rede parecen corresponder ao xogo final
A forza de Halo 4 está no seu xogo en liña, polo que non se recomenda xogar ao título de xeito anticipado (pois os usuarios que o fagan serán expulsados de Xbox LIVE).

PUBLICIDADE