Fíltranse á Rede copias de Super Smash Bros. Ultimate dúas semanas antes do seu lanzamento

luns, 26 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A finais de abril descubriuse un método para executar código non autorizado na Nintendo Switch, abrindo a porta á piratería e obrigando a Nintendo a tomar medidas, pero non serían dabondo, e o seu xogo estelar para a campaña de Nadal, Super Smash Bros. Ultimate, previsto para o 7 de decembro, estaría xa a circular pola Rede, o que si podería ser un grande incentivo para que algúns xogadores se animasen a realizar prácticas que parecían desbotadas dende os tempos da Xbox 360 (consola que tamén padeceu moitas filtracións de xogos antes do seu lanzamento).
Nos últimos días terían xurdido distintas copias distintas de Super Smash Bros. Ultimate, das que cando menos unha podería deixar inutilizadas as consolas nas que se instale, pero iso non parece frear a moitos ansiosos dispostos a correr un grande risco se así poden gozar dun dos seus xogos favoritos antes que o resto de xogadores do mundo.
Dende Motherboard confirman que unha das copias que circula do xogo está extraída dun cartucho físico (posiblemente en México) e, aínda que poder conseguir un xogo uns días antes do seu lanzamento pode ser doado (incluso accedendo a copias lexítimas, dada a antelación da distribución de xogos que poñen en circulación tantas unidades) desta volta falamos de 2 semanas de anticipación, o que é unha filtración do xogo moi importante, que podería afectar ás vendas e, moi especialmente, aos hábitos dalgúns xogadores, que poderían sucumbir a certas malas prácticas.
Cómpre lembrar que Nintendo pon cada vez máis medidas contra a piratería, de xeito que moitos dos que se animen a gozar de Super Smash Bros. Ultimate antes de tempo poderían toparse con que no futuro non poden gozar de novos xogos na súa Nintendo Switch e, como mínimo, porían en risco a posibilidade de gozar de xogos que precisasen acceso á Rede.

PUBLICIDADE