Filtran imaxes do que podería ser o xogo DC Universe Online

xoves, 3 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Batman, Robin e Nightwind poderían ser algúns dos personaxes que participen no futuro xogo

Sony Online e DC Comics están a traballar na creación dun xogo masivo multixogador en liña coñecido coma DC Universe Online do que podería amosarse información durante a feira E3, aínda que outras informacións apuntan a que a súa presentación ao público podería chegar coa San Diego Comic-Con (unha feira de comics que nos últimos anos serviu tamén para achegar adiantos de películas e series de televisión).
Pero parece que xa podemos saber cómo será este xogo grazas a unhas pequenas capturas de pantalla que apareceron en MySpace, nun espazo virtual que podería ser oficial, e que nestes momentos non se pode consultar (o que dá certa credibilidade á filtración das imaxes).

O Joker podería ser un dos grandes malvados a derrotar no xogo

Na mesma páxina de MySpace se podían ver imaxes conceptuais do xogo debuxadas por Jim Lee e descargar fondos de escritorio do futuro xogo, pero agora parece que deberemos agardar ao 25 de xullo para coñecer máis detalles dun título moi prometedor que, en contra do que ofrece City of Heroes, nos permitirá encarnar a superheroes coñecidos dentro do Universo DC (coma Batman, Superman, Wonder Woman, Flash, Green Lantern...).

PUBLICIDADE