Filtran as especificacións do que podería ser o futuro Moto E

luns, 12 de maio do 2014 Marcus Fernández

No último ano Motorola como compañía de Google revolucionou o mercado dos seus smartphones Moto X e Moto G, o primeiro polo seu nivel de personalización e o segundo por chegar ao mercado a un prezo moi agresivo, facilitando que moitos consumidores poidan facerse cun terminal de boas prestacións a un prezo asumible (por debaixo dos 200 euros). Pero agora que a compañía pertence á chinesa Lenovo non se sabía que continuaría na senda anterior ou limitaríase a servir de marca para Lenovo en mercados occidentais, e as boas novas parecen confirmarse, pois as filtracións sobre un futuro Moto E non cesan, chegando incluso a aparecer nunha tenda en liña do Brasil na que publicaban tanto as súas imaxes oficiais como as súas especificacións. Outras filtracións incluso déixannos ver a aparencia da súa parte traseira en cor azul turquesa e amarelo limón.
Estariamos ante un smartphone con pantalla de 4,3 polgadas (os modelos anteriores tiñan 4,7 e 4,5 polgadas respectivamente) cun procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxeta microSD de ata 32 Gb), cámara traseira de 5 Mpíxeles e batería de 1.980 mAh, o que podería situar ao terminal entre os 100 e os 150 euros. De ser así, o primeiro smartphone de Motorola tras a súa etapa baixo o paraugas de Google podería converterse nun grande éxito a nivel mundial, especialmente despois da magnífica aceptación que está a ter o Moto G.

PUBLICIDADE