Filtran á Rede a Nova Experiencia Xbox

luns, 3 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Major Nelson advirte das limitacións ca copia da Nova Experiencia Xbox filtrada á Rede

O vindeiro 19 de novembro os usuarios da Xbox 360 poderán estrear unha nova interface que permitirá incorporar avatares, copiar xogos ao disco duro ou ver películas adquiridas baixo demanda, supondo toda unha renovación para a consola de Microsoft, que está a ser probada por un número reducido de usuarios seleccionados, aínda que esta fin de semana parecía que se abría a Nova Experiencia Xbox a calquera a través dunha filtración do novo Dashboard a redes P2P, pero dende Microsoft (a través da conta de Twitter do Major Nelson) advirten de que os usuarios que instalen o sistema filtrado á Rede que non formen parte dos grupo de usuarios aprobados pola compañía non se poderían conectar á Rede coa nova interface, polo que non lles serviría de nada (e mesmo podería supor o veto da súa consola do servizo Xbox LIVE).
Os valentes que se atrevan coa filtración do software para a Xbox 360 só terían acceso á personalización do seu avatar e á instalación de xogos no disco duro, pero as grandes melloras da plataforma son para o seu uso en liña, de aí que temos que recomendar aos interesados que agarden un par de semanas para non quedar illados de Xbox LIVE e evitar posibles baneos da súa consola.

PUBLICIDADE