Fillos.org supera os 6.000 membros e afiánzase entre as principais comunidades virtuais da emigración

martes, 19 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Fillos.org, portal da emigración galega que ten xa tras de si máis dunha década unindo aos galegos do exterior e do interior a través das novas tecnoloxías, vén de superar a cifra de seis mil usuarios rexistrados. Con este número total de afiliados e con claras perspectivas de ampliación a curto e medio prazo, a comunidade virtual sitúase entre as oito de maior envergadura do mundo. Con todo, e tal e como dixemos, Fillos.org leva anos suxeita a un proceso de medre constante. A clave disto probablemente estea no feito de non seguir, a diferenza dalgunhas entidades actualmente situadas entre as 10 de meirande magnitude, unha liña exclusivista. De feito, non se requiren máis requisitos para pertencer á comunidade (que é de balde) que sentirse galego ou galega, con independencia de ter nacido na nosa terra ou ter orixes nela. Segundo indicou hai uns días o secretario de Fillos.org, Manuel Casal Lodeiro (na imaxe, á esquerda), o colectivo tivo un medre superior ao 20% no número de usuarios ao longo do último ano.
Asemade, calcúlase que de manterse esta tendencia superarase a liña dos 10.000 afiliados nun prazo de 24 meses. Neste intre, e para afacerse ás novas circustancias, a comunidade atópase metida de cheo nun proceso de apliación de recursos, tanto técnicos como humanos (traballadores e voluntarios) co fin de poder afrontar a xestión do servizo nas condicións máis idónea para os seus usuarios. Así, está nos plans da organización a apertura dunha sede ou delegación en Santiago de Compostela co fin de estreitar a comunicación coas institucións galegas e co tecido cultural galego. Polo de agora e para ir asentando o terreo, xa están manter contactos con algunhas entidades públicas co obxectivo de obter un espazo onde habilitar a súa sede galega.

PUBLICIDADE