Fillos.org fai un chamamento solidario ós galegos para que se impliquen máis no seu proxecto virtual

mércores, 2 de xaneiro do 2008 Raquel Noya

A Comunidade Virtual de Fillos de Galicia, logo de dez anos facendo de “ponte” entre Galicia e a “Diáspora”, vén de anunciar publicamente o seu descontento co escaso apoio que recibe por parte da sociedade e fan un chamamento á solidaridade dos galegos para termar do proxecto de xeito máis folgado. O devandito apoio cuantifícano mediante o que denominan “o Compromisómetro”, un contador que na portada da súa web marca en tempo real a relación entre afiliados (socios) e usuarios (membros), e que actualmente está por debaixo do un por cento.
Esta entidade só conta con 49 socios cotizantes, máis, segundo explicou o secretario da Asociación e xestor técnico do portal, Manuel Casal Lodeiro,“a intención é chegar aos 100 socios, unha cifra que non chegaría ó 2 por cento pero suporía un medre vital para a asociación”.
O obxectivo de chegar aos cen socios ten unha data límite: o vindeiro 21 de xaneiro, cando dea comezo a que será a súa oitaba asemblea xeral, que tamén se celebrará en liña ó igual que todas as actividades do colectivo. Na devandita asemblea hase decidir a continuidade do proxecto en función da implicación acadada por parte daquelas persoas que “queiran darlle novos azos a este centro galego en liña”.
En Afiliate.fillos.org, a comunidade vén de publicar todo tipo de información de utilidade para os interesados, presididas por unha animación moi explícita sobre a súa situación.

PUBLICIDADE